lunes, 25 de mayo de 2015

CAMPUS DE VERÁN NA ESAD

LEMBRADE!!!!! Campus de verán na ESAD. Se non vos chegaron ó correo as follas de inscripción, poñédevos en contacto coa directiva!!!

ESCÉNIKA 15 NA ESAD



CAMPUS DE VERÁN ESCÉNIKA 2015
ESAD GALICIA (Vigo) - En colaboración coa FEGATEA

A ESAD de Galicia quérelle dar continuidade ao Campus Internacional das Artes Escénicas, que na súa primeira edición de 2008 obtivo e suscitou un interese que superou todas as espectativas. O Campus Internacional de Verán ten como finalidade ofrecer un espazo para o encontro, a formación permanente, o intercambio de experiencias e a promoción de foros de análise, debate e creación arredor das artes escénicas e das disciplinas que lle son propias. Esta iniciativa tamén abre liñas de encontro e intercambio con artistas procedentes doutras culturas e países. Con este proxecto, a ESAD de Galicia afirma o seu compromiso co desenvolvemento e regularización do sistema cultural galego.
Dende 2014 o Escénika conta coa colaboración da FEGATEA para a súa realización.
Na edición de 2015 a FEGATEA propón realizar dous cursos con docencia compartida por profesorado e egresados da ESAD de Galicia en todas as especialidades.

Lugar: ESAD de Galicia
Matrícula: fegatea@yahoo.es

“Obradoiro de Interpretación” ·
Do 15 ao 19 de xuño (30 horas)
Horario: De 9 a 12h e de 14:30 a 17:30
Ermel Morales e Vanesa Sotelo.

Ermel Morales é profesor na ESAD. Coach de actores e actrices para cine e asesor de expresión oral para teatro. Doutor pola Universidad Rey Juan Carlos e membro do equipo de profesorado do centro Fuentes de la Voz.
Vanesa Sotelo é dramaturga, directora e actriz. Titulada en Dirección escénica, ten traballado para Inversa Teatro, Uttópico Teatro, etc. Gañou varios premios cos seus textos teatrais: Josep Robrenyo, Abrente, Teatro Radiofónico da Radio Galega, etc.

Obradoiro intensivo dividido en tres módulos: Expresión corporal, voz e interpretación. Este curso está pensado para aquelas persoas que desexen profundizar na interpretación, empregando as técnicas e ferramentas dunha maneira lúdica ou para os directores de compañías afeccionadas que queiran experimentar e coñecer como poñer en valor os recursos expresivos do actor para empregar no proceso de escenificación con todo o elenco. No curso explicaranse e analizaranse dunha maneira práctica distintos sistemas relativos á construción do personaxe e ao dominio de distintas técnicas expresivas, co uso creativo da voz e do corpo, aplicadas aos diversos xéneros, estilos ou formas de representación teatral.




“Obradoiro de Dirección e Escenografía” ·
Do 22 ao 25 de xuño (30 horas)
Horario: De 9: a 13:30h e de 15 a 18h
Tito Asorey e David Mortol.

Este curso intensivo está pensado para todas aquelas persoas que desexen introducirse dunha maneira integral e totalmente práctica nestas tarefas ou disciplinas da composición escénica, a dirección de actores e actrices e a coordinación do deseño escénico. Neste curso levarase a cabo a concepción da estrutura dramática e as convencións que operan nunha obra ou espectáculo: a acción, o xénero, a caracterización, o ritmo, así como as implicacións que a escrita orixinal ten en elementos de dirección escénica ou produción tales como o vestiario, a escenografía ou a iluminación. O obxectivo principal deste obradoiro é aprender a integrar procedementos e saberes adquiridos para conseguir transmitir ao espectador as sensacións, emocións e o sentido da dramaturxia.

Tito Asorey. É director e actor de teatro e televisión. Premio María Casares á mellor Dirección polo seu último espectáculo, Perplexo. Ten unha longa experiencia de traballo en distintos colectivos, como o grupo de teatro da ONCE, adolescentes no grupo Tarumba de Ourense, etc.
David Mortol. É deseñador. Titulado en Escenografía, profesor na ESAD. Combina o seu traballo docente co ámbito da publicidade, posúe experiencia en deseño de escenografía, vestiario e iluminación para teatro, así como de espazos efémeros para feiras e exposicións.