Premio Tablas

A FEGATEA recibiu o Premio Tablas 2012
na Comunidat Valenciana
O día 14 de Abril a Federación Galega de Teatro Afeccionado estivo de noraboa, a Federación Valenciana outorgáballe o Premio Tablas 2012 pola súa achega ao fomento e desenvolvemento do teatro afeccionado e pola sorprendente traxectoria desta federación. A entrega tivo lugar en Vila real (Castellón), baixo a organización do grupo de Teatro Curiola, encargados de coordinar os actos que se desenvolverían durante a fin de semana (pasarrúas, teatro, gala, etc). Á entrega dos premios asistiron: Chelo Pampillón, Presidenta da Federación Galega e José Léon, vicepresidente.
Este premio foi proposto pola dirección da FTA-CV a máis de 150 grupos de teatro da Comunidade Valenciana que votaron por unanimidade que este ano o premio fora para FEGATEA. Na entrega dos premios, houbo parabéns polo traballo que está a desenvolver a federación galega e o apoio institucional que o teatro afeccionado está a ter na nosa terra.
Houbo tempo tamén para que eloxiaran as últimas Xornadas de Teatro na Cidade da Cultura organizadas polo colectivo teatral galego e o interese pola formación do teatro amador e o mantemento das accións teatrais en Galicia.
A representación de FEGATEA, foi recibida polo Presidente da FTA-CV (FEDERACIÓN DE TEATRO AFECCIONADO COMUNIDAD VALENCIANA) D. José Antonio Soriano, o Concelleiro de Cultura D. Alberto Ibáñez e o Primeiro Tenente Alcalde D. Pasqual Batalla.