Premio FEGATEA

A FEGATEA convoca un premio bianual de carácter honorífico que ten como finalidade pór de relevo o labor a prol do teatro dunha persoa ou entidade. 

Gala de entrega III Premio FEGATEA Á ANIMACIÓN TEATRAL
O III Premio FEGATEA recaeu na MIT de Ribadavia e a gala de entrega tivo lugar o día 27 de setembro no seo das IX Xornadas celebradas en Santiago de Compostela.

A sala Agustín Magán acolleu unha gala sinxela pero emotiva. Roberto Pascual, actual director da MIT, recolleu o premio e, no seu discurso, reivindicou o teatro como espazo de intercambio, de encontro e aprendizaxe mutua entre profesionais e afeccionados.
A presidenta de Fegatea, Chelo Pampillón, fixo un percorrido pola historia da MIT dende os primeiros tempos, coa Agrupación Cultural Abrente e os grupos amadores como protagonistas, ata a época actual na que a MIT aposta polo “impulso profesional, internacionalización e modernización, sen esquecer tender pontes entre todos os sectores, tamén co teatro afeccionado galego, dando cabida a diversas actividades como a presentación do proxecto teatral Buxiganga, a exposición e debate no X aniversario da Fegatea, a homenaxe ao grupo Ditea e Teatro do Vilar”.
O aderezo teatral da gala correu a cargo de Achádego Teatro, grupo que creou un par de escenas cómicas para agasallar aos homenaxeados.
Gala de entrega II Premio FEGATEA Á ANIMACIÓN TEATRAL
No marco do XI Festival Agustín Magán, FEGATEA celebrou a gala de entrega do II Premio Fegatea á Animación Teatral, que recaeu no Proxecto Teatral Buxiganga, da Área de Cultura da Deputación de Lugo. Con este premio, a federación recoñece o labor deste proxecto a prol da cultura teatral.

A gala tivo lugar no Salón Teatro o pasado domingo, día 9 de decembro. A presidenta da FEGATEA, Chelo Pampillón, entregou o galardón ao vicepresidente da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, e ao delegado de Cultura e Turismo, Mario Outeiro, destacando que, dende os seus comezos, Buxiganga ven achegando o teatro a poboacións pequenas que acostumaban a quedar fóra dos circuítos habituais de programación cultural; impulsando a mellora dos espazos e das infraestruturas; estimulando a formación a través dunha variada oferta de cursos e incentivando a creación de novas asociacións e grupos de teatro amador.
Ao acto asistiu Manuel Guede, director do CDG, e representantes de grupos de teatro amador de distintos puntos da xeografía galega.
Os grupos de teatro federados Hipócrita e Carfax crearon unha acción teatral para esta ocasión especial que serviu como presentación da gala.
VÍDEO DO PROXECTO BUXIGANGA